Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Saídas profesionais

O Enxeñeiro e a enxeñeira da EME é, por convicción, un xestor e unha xestora da utilización responsable dos recursos naturais da Terra. Os devanditos recursos e a preocupación polos problemas ambientais que do seu uso se derivan constitúen para estes profesionais obxectivos fundamentais. A amplitude e profundidade dos coñecementos teóricos e prácticos que recibe durante a súa formación académica convérteno nun técnico versátil e con alto potencial laboral. Contrariamente á opinión xeneralizada, a maioría dos titulados e tituladas da EME non traballan en explotacións mineiras, sendo as posibilidades de emprego numerosas, entre as que están as seguintes: xestión de recursos e do medio ambiente, enerxía e combustibles, xeoloxía, obras públicas e construcción, dirección de empresas, siderurxia, metalurxia, explosivos, seguridade e prevención de riscos laborais, administración pública, docencia e investigación.

A EME é unha elección acertada xa que:


é unha carreira con baixo paro…
Formamos profesionais altamente cualificados preparados para acceder a un mercado laboral de altísima demanda con multitude de campos de actuación.

é unha profesión fascinante…
Dende unha plataforma petrolífera no Mar do Norte a un profundo estudo ambiental na Patagonia, todo é posible nunha carreira que che permitirá coñecer lugares incribles e estar en contacto coa natureza na súa forma máis pura.

proporciona acceso ás novas tecnoloxías…
Nunha universidade que ofrece unha formación tecnolóxica de última xeración, onde a electrónica, robótica, informática e técnicas de análise son ferramentas cotiás para desenvolver un labor á vez moderno e eficaz na súa vertente de campo, laboratorio e investigación.

ten proxección internacional…
Viaxar polos cinco continentes ou acabar nunha gran multinacional con enormes posibilidades de promoción non son situacións extraordinarias na nosa profesión. O mercado internacional demanda nestes momentos profesionais cualificados.

facilita a formación práctica en empresas…
Poderás realizar prácticas dentro dun amplo abano de empresas concertadas que abranguen practicamente todos os sectores da nosa profesión.

está en continuo avance…
A nosa profesión abrangue tantos e tan variados campos de actividade que supón unha experiencia enriquecedora afastada da monotonía e o estancamento doutras áreas. Dende o desenvolvemento industrial e mineiro á investigación de recursos xeomineiro pasando polos recursos enerxéticos ou a Enxeñaría de materiais, todos son campos de traballo en constante evolución que che permitirán descubrir cada día “unha nova profesión” dentro da túa…!

está comprometida co medio…
Ser Enxeñeiro ou Enxeñeira da EME non significa non ser respectuoso co medio natural; ao contrario, hoxe en día as áreas de impacto ambiental, restauración, xestión de residuos, avaliación de riscos ecolóxicos, prevención etc., son as máis solicitadas nunha profesión como a nosa que avanza co sentir da sociedade en xeral e sobre a base dun profundo compromiso co medio e o desenvolvemento sostible.