A Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible estableceu tres obxectivos específicos relacionados co ámbito da enerxía: garantir o acceso universal a servizos enerxéticos accesibles, fiables e modernos, aumentar a proporción de fontes de enerxía renovables na matriz enerxética e duplicar a taxa global de mellora da eficiencia enerxética. Xa na actualidade, España é un referente mundial no uso de fontes de enerxía renovables con empresas que abastecen non só o mercado nacional, senón que dedican unha parte moi importante da produción aos mercados exteriores.

Neste contexto, os estudos de Enxeñaría da Enerxía responden aos numerosos e complexos retos tecnolóxicos que xorden no sector enerxético.


Descarga o folleto informativo do Grao en Enxeñaría da Enerxía

Esta titulación, que non capacita para unha profesión regulada, ten como finalidade proporcionar unha formación adecuada e de alto nivel aos futuros e futuras profesionais que vaian exercer no ámbito da enxeñaría de procesos enerxéticos, desde a xeración de enerxía ata as súas distintas aplicacións, proporcionando tamén a formación necesaria para desenvolver tecnoloxías e sistemas eficientes e sostibles. A formación en dúas áreas é especialmente relevante:

  • Tecnoloxías de xeración renovable (eólica, xeotérmica, hidroeléctrica, mareomotriz, solar, undimotriz, biomasa e biocombustibles, entre outras).
  • Análise asociada á eficiencia enerxética, coherente cos obxectivos establecidos na Axenda 2030.

Polo tanto, a formación é necesariamente multidisciplinaria e cunha visión de conxunto, na que se teñen en conta, fundamentalmente, os aspectos técnicos e económicos, e se tratan cuestións relacionadas coa eficiencia enerxética, as tecnoloxías de produción de enerxía, facendo especial fincapé nas novas fontes de enerxía renovables, almacenamento, transporte e sistemas de distribución, mercados de enerxía etc. Todo isto co compromiso de respectar o medio ambiente e o crecemento sostible.