Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Presentación

Os estudos de Enxeñaría de Minas teñen unha brillante e longa tradición, datan do ano 1777 e foi a primeira titulación de Enxeñaría Civil que se creou en España.

Dende sempre, o ser humano precisou dos recursos naturais que lle ofrecía o planeta para asegurar a súa supervivencia e, sumado a súa capacidade de enxeño, puido aproveitalos para medrar.


Co vertixinoso desenvolvemento da sociedade moderna, xurde a necesidade de formar profesionais que xestionen as fontes de recursos naturais e enerxéticos, polo que no século XVIII fúndanse as primeiras escolas de Enxeñaría de Minas en Europa, implantándose no ano 1777 a primeira en España, o que outorga a estes estudos a honra de ser a enxeñaría máis antiga do país.

En Galicia, estos estudos contan con 25 anos de historia, a andaina da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo remonta ao curso 1992-1993 onde a oferta académica de grao e mestrado actualízase para respostar ás actuais e futuras necesidades do mercado profesional e investigador coa garantía de calidade coma eixo de toda actuación.

A Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía (EME) conta coas instalacións, tanto docentes como de investigación onde un equipo de profesorado traballa con grupos reducidos de alumnado dando prioridade ao ensino persoalizado e eminentemente práctico:


Prácticas en empresa
As prácticas en empresas facilitan a preparación para o exercicio profesional do estudantado e promoven o desenvolvemento profesional e o acceso ao mercado laboral. Por iso a EME conta con máis de 50 convenios con empresas en sectores como o enerxético, a explotación de recursos naturais, augas, medio ambiente, obras civís, materiais..., que colaboran coa formación do noso estudantado de Grao e Mestrado.

Saídas de campo
Os plans de estudo contemplan outros espazos de aprendizaxe tales como a realización de saídas de campo e visitas a empresas ou instalacións que favorecen o contacto co mundo real, proporcionan un medio excelente de enriquecemento da aprendizaxe, aumentan a experiencia e desenvolven habilidades prácticas e analíticas esenciais para o noso estudantado.

Mobilidade estudantil
A EME ofrece a posibilidade de cursar parte dos estudos noutras universidades de recoñecido prestixio. A mobilidade estudiantil na EME está centrada nos programas SICUE (España), Erasmus (Europa) e ISEP (EEUU) mediante convenios con máis de 25 Universidades. É unha oportunidade de crecemento persoal e académico que da un valor engadido á formación recibida polo noso estudantado.

Plan de internacionalización
A EME ofrece un programa de docencia en inglés para beneficio tanto do estudantado local como do estudantado estranxeiro e ofrece a posibilidade de cursar polo menos 10 materias dos graos en Inglés. O plan de internacionalización promociona o coñecemento e uso de idiomas para respostar con eficacia aos retos dunha sociedade globalizada e culturalmente diversa.

Programa MEET-MinaseEnerxia
Coa fin de facilitar a incorporación do estudantado á Universidade, a EME conta cun programa de mentorización onde os alumnos de novo ingreso son tutelados por outros con máis experiencia que coñecen de primeira man os problemas e dificultades na incorporación á Universidade e están dispostos a axudar, apoiar e orientar.

Novas Tecnoloxías e Infraestruturas
Unha parte fundamental da docencia na EME basease no uso de ferramentas e novas tecnoloxias, para o que conta cos espazos e medios necesarios como son os laboratorios especializados, equipados con última tecnoloxía e os laboratorios de informática dotados con software específico e de simulación. Tamén conta con servizos como o empréstito de portátiles, reprografía, aula de gravación, sala de videoconferencia, aula informática de acceso libre, sala de descanso….

Asociacións Estudantís
Son a contorna ideal para que o estudantado poda cultivar as súas relacións persoais, desenvolver as súas habilidades creativas e disfrutar coas moitas actividades que se organizan tanto dentro coma fora da escola. A EME aposta e promove a creación, desenvolvemento e participación de asociacións estudiantís de diversa indole e na actualidade acolle á Delegación de alumnos, o Foro Tecnolóxico de Emprego, a asociación deportiva Cartel des Mines, a asociación de Enxeñeiros da Enerxía e a Sociedade Mineralóxica Galega.