Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

25º Aniversario

Con motivo da conmemoración dos 25 anos dos estudos de Enxeñaría de Minas na Universidade de Vigo, a dirección da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía está a organizar unha serie de actos de celebración que abarcará actividades académicas, informativas e socio-culturais para facer chegar ao colectivo de profesores, estudantes e empresas e á sociedade en xeral, o recoñecemento que estimula e premia os esforzos realizados durante todos estes anos.

Actividades realizadas


Coa fin de dispoñer de información veraz, contrastada e actualizada sobre o emprego e a inserción laboral dos nosos egresados realizouse durante os meses de xaneiro e febreiro unha enquisa aos egresados da escola: Enxeñaría de Minas (19 promocións), Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos (3 promocións) e Enxeñaría da Enerxía (3 promocións).

O martes 6 de xuño ás 13:00 horas na Aula de Grao da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía tivo lugar a presentación dos resultados da enquisa. No acto interviron ademais os egresados da escola, Lucía Novellle Varela da empresa Ingeo e Fernando Asensio Montero de Terratest, que falaron da súa traxectora profesional e a súa experiencia ao incorporarse ao mundo laboral.


Inserción Laboral

Informe: Estudo da inserción laboral dos egresados da EME. 1992-2017
Ler noticia relacionada no DUVI

Reunión de Directores

O 15 de xuño de 2017 a EME foi a anfitriona dunha Reunión de Directores de Escolas con estudos de Enxeñaría de Minas en España co seguinte programa:

Hora Actividade
09:30 h. Recepción polo Reitor da Universidade de Vigo
10:00 h. 1ª Reunión de Traballo: Situación Actual
11:30 h. Café e visita á Escola
12:30 h. 2ª Reunión de Traballo: Conferencia de Directores
14:00 h. Almorzo
16:00 h. Visita á Canteira de Granito “Blockdegal”

Das 14 escolas que existen en España asistiron a Universidade de Cantabria, Universidade de Oviedo (Mieres e Oviedo), Universidade Politécnica de Madrid, Universidade de Salamanca, Universidade Politécnica de Cartagena e Universidade de Vigo. Os directores foron recibidos polo Reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Nunha primeira reunion tratouse por unha banda o estado actual das escolas e da profesión a partir da posta en común da información aportada por cada escola sobre o número de matriculados e egresados, estudos de inserción laboral, continuación de estudos, situación da profesión, estratexias de difusión da profesión… entre outros temas.

A reunión tamén pretendeu ser o punto de partida para sentar as bases da Conferencia Española de Directores de Escolas de Minas onde tratar e debater sobre o futuro da profesión e por ende da formación académica dos nosos centros.

Tras a visita ás instalacións e o almorzo, tamén celebrado na escuela, visitaron a Canteira de Granito “Blockdegal” en Porriño.


Ler noticia relacionada no DUVI

Cena de egresados

Para rematar o ano de celebracións pola conmemoración dos 25 anos dos estudos de Enxeñaría de Minas na Universidade de Vigo, a dirección da Escola organizou un evento onde os profesores e os case mil egresados que se formaron nesta escola puideran encontrarse.

O acto consistiu nunha cea que se celebrou o 15 de setembro no Pazo da Touza onde máis de 150 asistentes entre profesores e egresados puideron compartir unha noite onde rememorar vellos tempos, poñerse de novo en contacto, establecer relacións laborais ou simplemente charlar. A cea prolongouse ata altas horas con música, baile e moitas sorpresas.