Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Deporte, relatorios e entrega de premios para honrar a Santa Bárbara

A Escola de Enxeñaría de Minas festexa o venres 1 e o luns 4 de decembro a súa patroa

As celebracións da patroa da Escola de Enxeñaría de Minas quecen motores cara o seu inicio o vindeiro venres 1 de decembro cunha xornada, na que o deporte e a entrega de premios do concurso fotográfico Enfocarme, serán os protagonistas dun calendario de actividades que se completará o luns 4, día no que se celebrará o acto académico Santa Bárbara 2017. O 1 de decembro as actividades comezarán ás 10.00 horas no pavillón do campus de Vigo cos partidos de fútbol sala que, en categoría masculina e feminina, enfrontarán ao alumnado co profesorado da escola.

O fútbol sala deixará paso a partir das 12.30 á VIII Carreira Popular Santa Bárbara, na que, nas categorías masculina e feminina para, por unha banda alumnado, PDI e PAS da escola e por outra, para persoas externas ao centro, as e os participantes medirán a súa velocidade e resistencia sobre unha distancia de 5000 metros. A entrega de trofeos para as e os tres primeiros clasificados de cada categoría terá lugar a partir das 13.30 horas na entrada de Escola, onde, a esa mesma hora, inaugurarase a exposición e entregaranse os premios do Concurso Fotográfico Enfocarme. Cunha temática centrada nos recursos mineiros e enerxéticos, a primeira edición do concurso fotográfico repartirá 600 euros entre as e os premiados. Un xurado formado polo fotógrafo profesional Javier Herranz e que completa persoal e alumnado do centro, será o encargado de elixir as imaxes gañadores do certame, que entregará unha cámara réflex dixital valorada en 400 euros á primeira ou primeiro galardoado; unha cámara dixital compacta valorada en 150 euros, ao segundo premiado e unha mochila fotográfica valorada en 50 euros, ao terceiro.

Santa Bárbara 2017