Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Enxeñaría de Minas e Enerxía celebra as súas vodas de prata pondo en valor o éxito profesional dos seus egresados e egresadas

Coincidindo co acto de graduación das últimas promocións formadas na escola

Se para escolas e facultades os actos de graduación son sempre unha da datas máis importantes do curso, esta celebración viviuse este ano dun xeito especial na Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, onde se fixo coincidir a despedida ás últimas promocións formadas no centro coa celebración do 25 aniversario da titulación de Enxeñaría de Minas na Universidade de Vigo. Foi unha tarde de reencontros e lembranzas na que a actual dirección da escola, liderada pola profesora Natalia Caparrini, puxo en valor o éxito profesional dos seus egresados e egresadas, máis de 1000 profesionais, aos que agora se suman 130 novos tituladas e tituladas das catro titulacións que se imparten actualmente no centro: 55 do Grao en Enxeñaría da Enerxía, 45 do Grao en Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, 20 do Máster en Enxeñaría de Minas e 10 do Máster en Xeoinformática.

vodas de prata

A celebración, que tivo lugar o pasado venres no Teatro Afundación, serviu tamén de escenario para homenaxear as principais empresas colaboradoras coa escola, 21 firmas, incluídas asociacións e colexios profesionais, que levan anos cooperando de xeito habitual co centro, tanto no ámbito docente como no investigador, acollendo alumnos en prácticas, facilitando a realización de visitas docentes as súas instalacións, levando a cabo proxectos conxuntos... e tamén aos profesores que foron elixidos como ‘os mellores’ da escola: Benito Vázquez Dorrío e Eduardo Liz Marzán, que exerceron tamén como padriños das novas graduadas e graduados; David Patiño Vilas, José Enrique Martín Suárez e Elena Martín Ortega; e unha pequena entrega de agasallos aos docentes José María e Antonio Correa Otero con motivo da súa xubilación.


Ler a noticia completa no DUVI