Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Vigo, representada no Cartel de Minas que se celebra en Albi

Trátase dun foro que ten unha importante compoñente de convivencia

A cidade francesa de Albi acolle a partir de hoxe xoves o Cartel de Minas, un encontro internacional no que se dan cita arredor de 2000 estudantes de Enxeñaría de Minas de escolas de Francia, España, Alemaña e Marrocos. Ao longo de tres días os deportes serán os protagonistas desta cita que ten tamén unha importante compoñente lúdica, festiva e de confraternización.

20190425

A Universidade de Vigo estará representada por un grupo de 18 estudante e ex-estudantes que están xa na cidade gala para arrincar dende hoxe esta 46ª edición do Cartel des Mines, que este ano organiza a IMT Mines Albi. Ata o domingo, compartirán pistas, canchas, campos e tamén experiencias, estudantes de todas as escolas de Minas de Francia (París, Nancy, Saint-Etienne, Douai, Nantes, Ales, Albi-Carmaux) e escolas convidadas como Vigo, Oviedo, Bochum e Emines de Benguerir. Nestes tres días mediranse en equipos e individualmente en arredor de 15 modalidades deportivas como fútbol, baloncesto, voleibol, balonmán, rugby, tenis, cross e relevos tanto de natación como de atletismo. Ademais, cada ano a organización elixe un ou varios deportes convidados, que nesta ocasión serán petanca e escalada. Ademais tamén terán lugar actividades máis enfocadas ao lecer, como un concurso de DJs e de FIFA 2019. 


Ler a noticia completa no DUVI