Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

Os indicios de ocupación prehistórica afloran tralas pinturas rupestres de Vilardevós

A profesora Beatriz Comendador dirixe a intervención

En setembro e outubro de 2018 un equipo galaico-luso liderado pola arqueóloga da Universidade de Vigo Beatriz Comendador iniciou, cunha intervención arqueolóxica no Penedo Gordo ou Penedo da Moura de Vilardevós, en Ourense, un proxecto que tiña como obxectivo principal determinar se existía ou non ocupación vinculada ás pinturas rupestres de estilo esquemático atopadas neste penedo en 2017. Os primeiros resultados da intervención, financiada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Turismo, verifican “a excepcionalidade deste xacemento” e confirman “a presencia de indicios de ocupación prehistórica inmediatos ás paredes pintadas do penedo”.

20190328

Os traballos arqueolóxicos postos en marcha en 2018, que contan co apoio e colaboración do Concello de Vilardevós e de diversas asociacións e veciñanza da contorna, abranguen o estudo das pinturas rupestres do enclave e a realización de sondaxes e prospeccións arqueolóxicas da contorna do abrigo denominado Penedo Gordo ou Penedo da Moura. Nel, detalla Beatriz Comendador, están as “pinturas vermellas sobre un penedo cuarcítico que configuran motivos pouco visibles a simple vista” que foron descubertas en 2017. O proxecto arqueolóxico inclúe a limpeza das áreas de actuación das sondaxes, o levantamento topográfico do xacemento por fotogrametría, o estudo de caracterización da colonización biolóxica do penedo, o estudo monográfico das pinturas rupestres, a prospección xeofísica (xeomagnética), a realización de dúas sondaxes manuais, o estudo da secuencia edáfica sedimentaria, o rexistro etnográfico, a prospección superficial da contorna dirixida á identificación doutros sitios con arte rupestre e accións de difusión e divulgación.


Ler a noticia completa no DUVI