Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A Universidade participa nun proxecto que consegue reducir o impacto ambiental das caldeiras domésticas de biomasa

Deseñado un primeiro prototipo, a idea é que chegue ao mercado nun prazo de dous anos ou tres anos

Buscábase un sistema capaz de reducir as emisións contaminantes das caldeiras domésticas de biomasa, reducindo o seu impacto ambiental e os posibles efectos prexudiciais sobre a saúde, e cumpríronse os obxectivos. Esta semana tivo lugar no campus de Vigo a reunión de peche do proxecto de investigación Sirep –Sistema intelixente de retención electroestática de partículas-, un traballo liderado pola empresa viguesa Dinak, punteira no sector das chemineas, e no que participou o Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas da Universidade de Vigo, que prestou apoio e asesoramento no desenvolvemento da tecnoloxía vinculada aos procesos requiridos para o desenvolvemento do prototipo final do proxecto.

20190307

O obxectivo fundamental deste traballo, posto en marcha en febreiro de 2016, era identificar, deseñar, modelar e desenvolver un prototipo de filtrado e retención de partículas óptimo, baseado en tecnoloxía electroestática (ESP, ElectroStatic Precipitators) a aplicar en caldeiras de biomasa de baixa potencia. “O sistema de filtros electroestáticos para retención de partículas non é algo novo no mercado, de feito, é unha tecnoloxía coñecida e cunha alta difusión industrial, pero que, ata o momento, non se emprega en instalacións de pequena potencia debido a cuestións económicas”, explica David Patiño, investigador do grupo GTE. “O reto deste traballo era tratar de escalar eses equipamentos a instalacións pequenas cunha economía de escala, é dicir, a baixo custe, tanto desenvolvendo a parte mecánica como a eléctrica, relacionada coa fonte de alta tensión”, engade o investigador, subdirector da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, centro no que tivo lugar a reunión.


Ler a noticia completa no DUVI