Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A colección de minerais de Manuel de Sas está xa no “mellor destino que podía ter”

Son máis de 200 pezas doadas á Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía polo fundador de Povisa

Coincidindo co día de celebración da súa patroa, Santa Bárbara, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, inaugurou este martes a exposición permanente de minerais cedida polo doutor Manuel de Sas de la Encina. O acto estivo presidido polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa e polo concelleiro Jaime Aneiros, xunto coa directora do centro, Elena Alonso e unha boa parte da familia de Manuel de Sas, incluíndo fillos e fillas, netos e netas e mesmo bisnetos e bisnetas, ata un total de 19 persoas.

20181204

A mostra xorde da doazón á EE de Minas e Enerxía da colección de minerais e pedras preciosas por parte dos herdeiros do doutor Manuel de Sas de la Encina, socio fundador do hospital Povisa. Esta colección estivo exposta nas instalacións do centro médico durante 22 anos ata que a familia a doo á Universidade de Vigo. Consta de arredor de 200 exemplares, algúns deles “únicos e de gran beleza natural, incribles cores, asombrosas texturas e formas sorprendentes, como explican dende o centro académico”. O seu fillo Antón deu as grazas en nome da familia e explicou que a inauguración desta mostra sería o “soño cumprido” dun home “singular e polifacético”. Como afeccionado á mineraloxía, lembraba, formou esta colección grazas a numerosas viaxes ao longo do mundo durante toda a súa vida e, tras elas, foina completando “con ilusión e esforzo ata o seu falecemento”. Segundo o seu fillo, “cada peza ten a súa historia e el encantáballe contalas, relatar onde conseguira cada unha” e, por este motivo, o seu pai quixo dar un paso máis para que colección estivese a disposición de toda a sociedade, como sucederá a partir de hoxe. “El quería que, ademais de estar accesible a toda a sociedade, fose unha ferramenta para o estudo e formación real das persoas que teñen interese na mineraloxía e, por iso, quería que estivese nunha universidade, polo que este é, sen dúbida, o mellor destino que podía ter, achegando o seu gran de area para a formación de estudantes, docentes e visitantes desta escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía”.


Ler a noticia completa no DUVI